Na vila vivía unha señora que ninguén coñecía. Era unha muller coma outra
calquera: traballaba na súa horta, coidaba das vacas, alimentaba ás súas
galiñas... Porén ninguén sabía quen era a muller. Cando había misa, alí estaba
ela, coma calquera outro veciño. Chegaba, sentaba, rezaba, e, ao acabar a
celebración, conversaba con todos os da aldea; e, cando cada un marchaba para a
súa casa a comer o xantar, todos ían dicindo:
-“De onde será a señora esa, que sempre a vexo na misa?”
E así, día tras día, ano tras ano, viviu a señora nesa aldea na que ninguén
a coñecía, acompañada dos seus animais, e falando cos veciños só cando había
algunha celebración, algún enterro, ou cando a señora saía a pasear e se
atopaba con alguén.
Un día a señora non foi a misa e todos se preguntaron polo seu paradeiro. O
cura chegou tarde con moita mágoa dicindo que a señora Antonia falecera esa
mesma mañá. Ninguén dixo nada. Ninguén sabía quen era a señora Antonia. O único que souberon foi que a señoriña que ía a misa
todos os días sabe Deus dende onde no volvera aparecer pola vila, e comezaron a
botar de menos as súas amables palabras; ata que se esqueceron dela por
completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario